Sérgio Tannus com a guitarra

Sérgio Tannus é un dos artistas mais completos da safra brasileira. Autodidacta, virtuoso en instrumentos variados, como guitarras, violões, baixos, cavaquinho, bandolim e percusións, o músico foise perfeccionando na procura de novas sonoridades, aliadas ás influencias universais, sen entretanto deixar de lado as súas raíces brasileiras. Desde o 2006 vive en Santiago de Compostela, en Galicia, desde onde está a divulgar o seu traballo como multi-instrumentista e cantautor por varios países de Europa.

Desde a súa chegada a Galicia, ven compartindo experiencias e colaboracións, como músico acompañante e/ou produtor musical, con artistas como Uxía, Antonio Zambujo, Carlos do Carmo, Chico Cesar, Lenine, João Afonso, Kepa Junkera, entre moitos outros. Alén diso, tamén co-produciu e gravou varios CDs infantís de moito éxito en Galiza (como “Maria Fumaça” e “Rosalía pequeniña” ambos xunto á cantante e produtora Uxía) e produciu “Pitusa Semifusa” (de Olga Brañas). Tamén actuou co seu trío en obras teatrais como “Ordem e Progresso”, xunto ao grande humorista e monologuista Carlos Blanco.

Desde xullo de 2013, Tannus agregou ao seu vasto currículo musical outro importante proxecto, aceptando a invitación de formar parte da banda e xira mundial da cantante Dulce Pontes, unha das mais significativas e coñecidas voces de Portugal e do mundo. Tras percorrer varios países europeos, a colaboración rematou en marzo de 2014, co fin de que Tannus puidese centrarse nos seus proxectos independentes.

Após numerosos traballos e colaboracións con outros artistas, proponnos o proxecto do seu novo disco, SON BRASILEGO, un traballo de gran porte e numerosos colaboradores, onde está apoiado, como sempre, pola formación base que conforma a súa banda habitual.

Acompáñase tamén en SON BRASILEGO de todos aqueles artistas galegos que o coñeceron e que compartiron con el grandes momentos musicais en todos os anos que leva vivindo en Galicia. Tamén músicos portugueses, brasileiros, angolanos… cos que tamén compartiu estes anos de traxectoria artística. Todos e todas están presentes neste traballo, creándose así unha auténtica ponte musical entre os países da Lusofonía, especialmente entre Galicia e Brasil.

Colaborador co tecido cultural galego desde a súa chegada a Galicia, en 2006, Sérgio Tannus soubo ver e valorar as e os artistas cos que se atopou durante todos estes anos, cos que quixo establecer unha relación musical enriquecedora para ambas as dúas partes. Precisamente, é grazas a esa mesta rede musical e ao pulo que a súa mestría deu a moitas formacións e solistas galegos/as que nace este proxecto discográfico, «para que quede constancia delas e isto non sexa máis que un comezo», indica o propio Sérgio Tannus.