Son Brasilego - capa

SON BRASILEGO é un proxecto musical que aposta polo intercambio, polo achegamento cultural e persoal, pola fusión de ideas, polos ritmos e raíces comúns. Trae, ademais da música intuitiva, a reflexión sobre a nosa identidade e irmandade e, sobre todo, o futuro das mesmas a través da música e desa sonoridade atlántica que nos fai a todos ser brasilegos. Un total de 14 temas con colaboradores e colaboradoras de luxo compoñen este disco.

Alén da música, ‘Son brasilego’ é «un agasallo, un agradecemento a todos aqueles músicos e persoas que fixeron posible o crecemento musical e artístico» de Sérgio Tannus desta beira do Atlántico, segundo o propio artista di.

O traballo, publicado a finais de 2012, xa recibiu numerosas valoracións positivas chegadas de diversas partes do mundo e desde medios especializados e prestixiosos como a World 1 Music ou estatais da talla de El País, e internacionais como as radios irlandesas Dublin FM ou a repercusión no proxecto da School of Oriental and African Studies (SOAS), da Universidade de Londres, entre outros moitos.

SON BRASILEGO estivo de xira xa por diversos escenarios galegos e portugueses cunha enorme aceptación entre o público, que destaca a «frescura e calidade» do mesmo, así como a «homoxeneidade» dos temas e a «grande forza» destes a nivel individual con voces recoñecidas e admiradas como a de Luanda Cozetti, Ugia Pedreira, Narf, Uxía, Najla Shami, Xavier Díaz, Antonio Zambujo, João Afonso e moitas outras ata chegar aos 43 colaboradores.

Gravaron as bases do disco:

Serginho Sales (piano, teclado e acordeón). Ademais de músico, é produtor e arranxista musical de Minas Gerais. Comezou desde moi novo estudando piano clásico ata que decidiu seguir un estilo popular brasileiro, o cal xa non abandonaría. Durante 15 anos formou parte do grupo brasileiro Só pra Contrariar, co cal conseguiu numerosos premios no Brasil, o World Music Awards, nominacións aos Grammy Latino, varios discos de ouro, prata e diamante en España… Ten tocado e gravado con artistas de renome como Roberto Carlos, Gilberto Gil, Caetano Veloso ou Daniela Mercury.

Paulo Silva (percusión). Natural de Salvador de Bahia, cursou estudos na escola de música da Universidade Federal de Bahia. Ten unha ampla experiencia en música de cámara clásica, contemporánea e música popular. Cursou estudos de batería de jazz con Michael Kuettner na Alemaña e participou en numerosas gravacións como batería, percusionista ou cantante. Desde que vive en Galicia xa traballou con artistas como Budiño, Odaiko, Uxía, Guadi Galego, Xoán Curiel, Emilio Rúa, Carlos Blanco, Quico Cadaval, Óscar Fernández, Óscar Ibáñez, Mercedes Peón, Jorge Pardo, Kepa Junkera, Socorro Lira, Fred Martins, João Afonso, L.A.R. Legido, Monkillos ou Alejandro Vargas, entre outros. Compaxina a súa actividade musical con dar clases de batería e percusión brasileira e latina por toda a xeografía galega.

Colaboraron neste disco:

Uxía

Uxía

Vinte e cinco anos de carreira artística convértena nunha das voces máis populares e valorizadas de Galicia.
As súas cancións seguirán tendo a presenza latente da música tradicional, cun tratamento innovador.
Uxía segue o ronsel dunha cultura que viaxa e muda o significado e a natureza das fronteiras. Ten recén publicado o seu último traballo “Meu Canto” que foi grabado nos estudios da editora Biscoito Fino, en Rio de Janeiro, da man do prestixioso produtor Jaime Alem.

Carlos do Carmo

Carlos do Carmo

Un dos maiores fadistas que deu Portugal, igual que xa o fora súa nai.
Criado nunha atmósfera artística no lisboeta Bairro Alto, inicia na década dos 60 unha das carreiras máis sólidas do panorama artístico portugués, para a cal contribuíu a súa enorme coraxe de asumir o fado no masculino, así como aportarlle novos elementos: contrabaixo e formación de orquesrta.
Todo isto fíxoo gañador de múltiples premios e, sobre todo, do respecto da crítica e do público a nivel mundial.

Ceumar

Ceumar

Chega desde Minas Gerais esta cantora que trae na súa música a riqueza melódica e rítmica do seu país,sempre cos ollos abertos á música do mundo. Produtora dos seus propios discos, participa activamente sempre en proxectos relacionados coa música brasileira, dentro e fóra do seu país. Ten actuado en Israel, participou ca Budapest Festival Orchestra en Hungría, actuou en diferentes teatros e festivais de Holanda, e tamén ten traballado moito en Galicia, colaborando con Uxía.

António Zambujo

António Zambujo

Nacido en Beja no 1975, comezou a interesarse polo fado desde moi pequeno, así como polo canto alentejano, gañando con tan só 16 anos, un concurso de fado.

En Lisboa deuse a coñecer no Clube do Fado da man de Mário Pacheco, e pouco despois integra o musical Amália, que se mantivo durante 4 anos no cartel do Teatro Politeama. Dende o 2004 a súa difusión internacional comeza a crecer, acadando un éxito tras outro e pasando a ser un novo referente do fado. 

     

Ugia Pedreira

Ugia Pedreira

Ugia é unha das voces máis transgresoras e eclécticas do panorama musical galego. Comeza a súa andaina no grupo Chouteira e xa ten participado noutros proxectos tan variados como Dillei, Banda Basotti, Xenreira, Matraca Perversa, Nordestinas, Marful, Eclética Ensemble… Foi fundadora e directora de aCentral Folque, e tamén ten traballado en radio, sendo colaboradora do programa “Un Día por Diante” e creadora e colaboradora de “Tres Peixes Voando”, ambos da Radio Galega. 

João Afonso

João Afonso

Nacido en Mozambique, João Afonso é un dos principais referentes da música popular portuguesa. Sobriño do gran Zeca Afonso, xa ten participado e realizado numerosas homenaxes á súa persoa. Traballou con artistas como Júlio Pereira, Amélia Muge, José Mário Branco e moitos máis, tanto portugueses como doutros países.

Sempre moi vinculado tamén a Galicia, xa compartiu escenario con Sérgio Tannus en numerosas ocasións. 

Najla Shami

Najla Shami

Cantante galega de ascendencia palestina, é unha das voces da mestizaxe na Galiza. A súa amplísima formaciónfaina posuidora dunhas capacidades vocais abraiantes que lle permiten cultivar con mestría estilos diversos como o jazz ou a música brasileira, pasando polo funk, as músicas do mundo e a experimental.

Vén de publicar Haikus co proxecto Lobalú, xunto co cantante e guitarrista galego Héctor Lorenzo, e tamén o disco Ben Deitei coa banda Safari Orquestra. 

Xabier Díaz

Xabier Díaz

Cantante, produtor e mestre. É cantante da compañía Nova Galega de Danza e do grupo Berrogüetto, a maiores dos proxectos propios que ten de Músicas de Salitre (con Guille Fernández) e o seu propio trío, co cal está a presentar “Coplas para Icía”. Compartiu escenario con Uxía, Chico César, Manecas Costa, Amancio Prada, Luar na Lubre, Os Cempés… Dirixe o programa de radio “Tres peixes voando” e realiza traballos de produción desde a súa produtora, “Músicas de Salitre”. 

     

Aline Frazão

Aline Frazão

É unha nova cantora, guitarrista e compositora angolana que naceu en Luanda no 1988. Na actualidade vive entre Angola e Lisboa, desde onde está a lanzar a súa prometedora carreira musical. Aline pertence á nova xeración de músicos angolanos que combinan a música de raíz africana con outras influencias que oscilan entre o jazz e a Música Popular Brasileira. Desde a súa participación recente en “Cantos na Maré”, os seus triunfos van en aumento, considerándoa xa como o futuro da voz angolana. 

Narf

Narf

Compositor e intérprete que reparte a súa actividade entre o mundo da canción, a composición por encargo e o teatro.  A súa relación coa Lusofonía é máis que evidente, como proban os seus traballos Bumba (2005), con artistas mozambicanos ou Aló, Irmao!, con Manecas Costa. De feito, feito foi Fran Pérez, Narf, quen deu a coñecer a Sérgio Tannus en Galicia. Narf foi e segue sendo un elemento clave do rock galego, artista polifacético imprescindible no panorama musical e teatral. 

Couple Coffee

Couple Coffee

Couple Coffee é o casamento musical de Luanda Cozetti e Norton Daiello, artistas brasileiros residentes en Portugal. Ela fai todo o que quere coa voz. El non só a acompaña, é máis que iso: o seu baixo canta. Desa alquimia resulta unha música orixinal e sofisticada. A comunicación co público é imediata. Ninguén fica indiferente a tanto virtuosismo. Até o momento contan con 4 discos publicados en Portugal. No 2007, ampliaron o proxecto, presentando tamén a Couple Coffee Band. 

Carlos Blanco

Carlos Blanco

Actor con ampla traxectoria teatral, así como autor e director. Foi presentador da Radio Galega e ten traballado en multitude de programas e series de televisión para a TVG e noutras televisións do Estado. Finalista do certame “El club de la Comedia” no 2003, ten recorrido toda a xeografía galega con diferentes propostas teatrais, especialmente comedias. Comezou no cine con Antón Reixa e Patricia Ferreira, e xa ten traballado con directores da talla de Pedro Almodóvar na súa película Volver

     

Emilio Rúa

Emilio Rúa

Emilio Rúa é un músico e cantautor natural das Vendas da Barreira (Ourense) que máis está despuntando na música galega de cantautor.
Comezou no mundo da música á idade de sete anos no grupo Concorde Atenea e conta con dous premios nacionais de cantautores cantando sempre en galego. Ten catro discos publicados no mercado nos que contou coas colaboracións de Uxía, Luís Tosar, Guadi Galego, Budiño, Manuel Rivas, Xosé Carlos Caneiro… e tamén do propio Sérgio Tannus.

Xoán Curiel

Xoán Curiel

Un dos valores actuais da música galega. Na súa traxectoria artística destaca a súa versatilidade, participando como actor, músico, director, cantante ou bailarín en diversos proxectos vinculados á música, teatro, teatro infantil e danza. Forma parte do espectáculo Cores do Atlántico de Socorro Lira, onde comparte escenario con artistas como Uxía, Margareth Meneces, João Afonso e a propia Socorro Lira. Recentemente participou en Cantos na Maré 2012 e está a presentar o seu disco Nai.

Sonia Lebedynski

Sonia Lebedynski

Comezou a súa carreira moi noviña: cando só tiña trece anos, cantaba co grupo Vaite Embora, no que coincidiu con Susana Seivane. Tempo máis tarde acompañaría a gaiteira como cantante durante tres anos, sendo a voz dos primeiros traballos de Susana. Formou parte de multitude de proxectos musicais que se centraban na muller, pero sen dúbida o punto máis alto da súa carreira musical foi cando pasou a formar parte do grupo Fía na Roca, co que gravou varios discos e realizou xiras por toda Europa.

O Coro da Ra

O Coro da Ra

O Coro da Ra é un agrupación vocal a cappella que utiliza o teatro e a performance para cantar en calquera situación e ubicación. O repertorio musical vai do soul, ao blues, o jazz, o samba, até á música étnica. É o coro residente da escola de música Estudio, de Santiago de Compostela. Fundado no 1993, está dirixido por Ramón Bermejo. Conta con 60 voces mixtas formado por cantantes profesionais, músicos, actores, fotógrafos, estudantes, ensinantes, funcionarios, autónomos, desempregados e un químico.

     

Óscar Fernández

Óscar Fernández

Óscar Fernández é un dos fundadores do mítico grupo galego Os Cempés e de bOnOvO. Ten participado cunha morea de formacións folk nestes últimos 20 anos, e compaxina o seu labor de músico co de mestre de zanfona no Centro de Música Popular (aCentral Folque) e na Escola de Música de Narón.
É o causante do rexurdimento da zanfona en Galicia, sendo o promotor dos Encontros Internacionais de Zanfona que achegan a Galicia a grandes mestres deste instrumento.

Xosé Manuel Budiño

Xosé Manuel Budiño

Músico galego de orixe e universal polo seu fado, viaxeiro convencido, creador incansable, innovador por convicción, Budiño é un artista atípico. Inspírase nos pequenos sabores da música tradicional, pero sempre coa intención de crear unha música con estilo propio. Fórmase na escola de gaitas Semente Nova de Moaña e na UPV, e ten compartido escenario con músicos como Van Morrison, Jerry González, Jorge Pardo, Capercaillie, Orquesta Sinfónica de Lorient, Kepa Junkera…

Alberte Rodríguez

Alberte Rodríguez

Estudou contrabaixo no Conservatorio Superior da Coruña e na Escola de Altos Estudios Musicais de Galicia, e baixo eléctrico en Estudio Escola de Música e en Aula Combo, recibindo aulas de Carlos Méndez, Nerea Casanova, Antonio Portela, Quique Alvarado, Juan Cañada, Chicho Magallanes e Tino Grandío. Na actualidade dedícase á docencia e á música en grupos como Pel de Noz, Xoán Curiel, Kana Kaiana, Dios Ke Te Crew, Pé de Boi e Super-sandwich.

Pedro Pascual

Pedro Pascual

Intérprete, docente, compositor e produtor, tocador de varios instrumentos. Ligado a proxectos como Laio, Nuke Trío, Talabarte, Marful, Ao Pé da Letra ou Descarga ao Vivo. Tocou con solistas das músicas tradicionais como Leilía, Uxía, Budiño ou María Salgado e músicos como Jacky Molard, Soïg Sibèril, Tony McManus, Pierre Invert, Tanya Tagaq, David Herrington,… Realizou xiras por España, Portugal,Francia, Bélxica, Holanda, Alemaña, Canadá ou Cuba.

     

Marcos Viascón

Marcos Viascón

A traxectoria musical de Pulpiño Viascón, pasa por moitos grupos e por moitos espectáculos de música e circo de rúa. Formou parte dalgúns dos grupos galegos máis recoñecidos, como os Diplomáticos de Montealto, Garbanzo Neghro e Bonovo Traballou en diferentes proxectos tamén fóra de Galicia (Euskadi, Cataluña, Alemaña, Amsterdam, Suíza, Finlandia, Italia, Reino Unido… formando incluso parte da banda de Manu Chao durante varios anos. Na actualidade céntrase especialmente na súa banda.

Xabier Olite

Xabier Olite

Músico autodidacta, produtor musical e compositor para audiovisuais.
Colaborou como músico coa compañía Chévere durante cinco anos,e participou activamente na Sala Nasa como músico e técnico.
É fundador da Psicofónica de Conxo grupo co que grabou dous discos. Posteriormente colaborou con diferentes formacións, entre elas: Fía na Roca, con quen tamén gravou 2 discos, e Xoan Curiel, co que participou como músico e produtor do seu último disco.

Marcos Teira

Marcos Teira

Un dos guitarristas galegos máis importantes. Formouse con músicos como Francisco Millares Pachicho, Antonio Peña e Manuel Ángel Cerqueiras e guitarra flamenca con Xesús Pimentel. Formou parte de grupos como, como “U-lo Trío?”, e tamén tocou o rock, sendo un dos integrantes da Psicofónica de Conxo. Na actualidade está centrado nas súas aulas e traballos en torno á guitarra flamenca e, por suposto, ao grupo Marful co cal está xirando actualmente por toda Galicia.

Xurxo Troncoso

Xurxo Troncoso

Membro fundador do grupo Trópico de Grelos, tivo unha formación musical non só en diversas escolas españolas, senón tamén en Brasil, onde formou parte, entre outros, do grupo de percusión de Carlinhos Brown.  Ampla formación teatral (estudou na Escola Tántara e Escola Teatro Estudio de Madrid, na Escola Ángel Gutiérrez, cursos de interpretación na Escola Martín Adjemiam, de expresión corporal con Judith Wainer, de voz con Jesús Aladren….). É mestre de percusión a Aula Folque Infantil de Pontevedra.

     

Quim Farinha

Quim Farinha

Estudou violín con Laura Quintillán e tamén no Conservatorio Histórico de Santiago de Compostela. Comeza a súa traxectoria profesional a finais dos 80 en formacións como Dhais, Xorima ou Fía na Roca. Desde 1998 é violinista de Berrogüetto. Outros proxectos del son Sol de Farofa e Talabarte trío. Como violinista, ten un xeito particular de interpretación baseado na dixitación e repertorio propios da gaita galega, con influencias de músicas doutras latitudes, preto das fronteiras do jazz.

Raquel Domínguez

Raquel Domínguez

Iniciouse no mundo da gaita da man de Toniño López no 1991, pasando por varios mestres ata chegar a Xaquín Xesteira. Formou parte da orquestra folk Sondeseu dende os seus inicios até hai escasamente un ano. Actualmente forma parte do grupo Malvela, e De outra Margem. Ten colaborado con diversos grupos e artistas como Uxía, Filipa Pais, Serra-lhe aí!! e As Donicelas, e cos proxectos de música infantil Ponte nas ondas e Maria Fumaça. É mestra de música no CEIP Alexandre Bóveda de Redondela. 

Manuel Payno

Manuel Payno

Comeza coa música na Banda de Bandeira. Dende os 12 anos está en contacto co rock galego colaborando con Xenreira, A Matraca Perversa ou Galegoz. Licenciado en trompeta clásica polo Conservatorio Superior de Vigo, sempre combinou este estilo coa música moderna. Actualmente adícase á docencia da trompeta, segue a formarse en música moderna e composición, e toca en formacións como Os tres trebóns, A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, Triomáticos, A.M.P, e múltiplas colaboracións.

María G. Blanco

María G. Blanco

Formouse nos conservatorios de Lalín e Vigo e posteriormente en aCentral Folque con Quim Farinha. Ampliou estudos con Caroline Bournaud, Irina Gruia ou Oriol Saña. Tocou na Xove Orquestra Sinfónica de Galicia e con grupos como Motor Perkins, Lincorne ou Linho do Cuco. Participou en diferentes proxectos internacionais como o Celtic Fringe Festival (Irlanda), ou o Edimburgh Fringe Festival. Colaborou en diferentes discos do Conxunto Folque do CSM de Vigo ou o recente disco dos Cempés, Tentemozo.

     

Pepe Sendón

Pepe Sendón

Pepe Sendón é un músico e escritor galego. Comezou co activismo e edición cultural a finais dos anos 80 en Santiago de Compostela. Iniciouse no rock co grupo Os Quinindiolas e Nicho Varullo. Pasou polo teatro con Chévere, Río Bravo, Big Bang, Annus Horríbilis. Fundou a Nasa. Seguiu coa Psicofónica de Conxo, Narf, U-lo Trío. Tocando con Narf coñeceu a Sergio Tannus en Niterói, introduciuno en Santiago, tocaron xuntos no proxecto Choro Alegre. Os martes vai a clase de tamboril.

Aitana Eanes

Aitana Eanes

Aitana Eanes naceu en Ferrol no 1983, e leva acompañada pola música tradicional desde o ano 1997. Comezou como gaiteira baixo a dirección do mestre Lolete, mais pronto se centrou na percusión. Aínda que é de formación case autodidacta, aprendeu tamén de músicos como Eliseo Parra, Berto Costas ou Luis Prego.
Desde hai dez anos imparte aulas de pandeireta en diferentes escolas e asociacións e ten colaborado en varios espectáculos e traballos discográficos.

Guillerme Fernández

Guillerme Fernández

Membro integrante de Berrogüetto dende os comezos da formación, onde despunta como arranxista e compositor. Combina a súa participación nesta banda con outros traballos musicais e de produción.
En colaboración con Xabier Díaz edita Músicas de Salitre, e actualmente preparan xuntos a saída doutro novo traballo. Tamén traballa xunto con Guadi Galego en “Espido”, e ten participado en espectáculos como Son Delas, Cantos na Maré, Donald Shaw´s Harvest do Celtic Connections…

Olga Brañas

Olga Brañas

Olga Brañas comezou a estudar piano aos 9 anos no Conservatorio de Música Profesional de Ourense, rematando o Grado Profesional no de Santiago de Compostela en 2007. Aos 12 anos comezou a tocar a pandeireta, formando parte da Banda Tradicional de Gaitas Ourensá. Membro desde 2002 de Brañas Folk (editando dous discos, Camiñante e Alalá do Cebreiro), de Folk Focus e desde 2009 da Banda das Crechas.

     

     

Jed Barahal

Jed Barahal

Violonchelista e concertista con mais de 25 anos de carreira. Mestre pola Yale University e licenciado pola Juilliard School (New York). Ten actuado en EEUU, Brasil, Portugal… con diferentes formacións: orquestas, solista, música de cámara… Conta cun extenso repertorio que abrangue todos os estilos, incluíndo obras contemporáneas. Natural de California, reside en Portugal dende hai mais de 20 anos, onde é mestre da Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Instituto do Porto desde 1993.

Isaac Palacín

Isaac Palacín

Formouse como batería e percusionista entre Galicia e La Habana, co mestre cubano Ruy López-Nussa, aprendizaxe que completou con clases de percusión afrocubana con Emilio del Monte e de percusión tradicional galega con Francisco Estévez. A súa primeira incursión no folk foi na banda de Uxía. Traballou en Matto Congrio, Na Lúa, Os Diplomáticos de Montealto, Heredeiros da Cruz, The Chieftains… Na actualidade é membro de Berrogüetto.

Pablo Vidal Mendoza

Pablo Vidal Mendoza

Multiinstrumentista de formación ecléctica.  Tras unha intensa actividade en grupos da “movida” (“7ª Convocatoria”, “Os Resentidos”, etc.), traballar como arranxista e músico de sesión, na actualidade adícase a súa gran paixón que é a composición, producción e grabación no seu lar-estudio ao carón da Ría de Arousa.
As súas colaboracións son numerosas. Recentemente participou en proxectos como “Purofilin”, “Steps 4 Jazz”, “A Doce Vita Sons de cine”, “Os Resentidos” etc.

Octavio Vargas

Octavio Vargas

Baixista nacido na Coruña. Estudou baixo con Quique Alvarado, e continuaría formándose cursando solfexo, harmonía e improvisación na Estudio-Escola de Santiago de Compostela.
Estudiaría co mestre americano Charlie Banacos, e posteriormente con Garry Dial.
Tocou en diferentes formacións, dende orquestras, até varias formacións de jazz e funk. Traballou tamén en programas de TV como membro de banda de directo, e tamén como músico de estudio.

     

     

Alfonso Calvo

Alfonso Calvo

Alfonso Calvo leva vencellado á música e aos escenarios desde os dezaseis anos.
As influencias deste contrabaixista e baixista compostelán van dende o jazz e o funk ata a música brasileira e o flamenco.
Ten gravado e compartido escenario con artistas dos máis diversos estilos como Fred Martins, Aló Django, Marcos Teira, Gabriel Peso, Faltriqueira, Cool Hamsters, Iván García, J.S., C.S.M. e S.E.M. big bands, Marful e Lobalú entre outros.

Martín Garrido

Martín Garrido

O seu interese pola música nácelle desde ben pequeno, e enseguida se daría conta que o seu instrumento favorito era a percusión. Con 18 anos comeza a estudiar batería con Luis Bravo, e durante os seus anos de universidade seguiría experimentando ca percusión latina, xunto a Lucas Rey. Fórmase tamén con Dani Caray, e pasa a formar parte de grupos como Stratosfear, Hugo y los Bolugos…. Actualmente  compaxina os seus estudos de táboa cos de batería, así como a investigación da luthería.

Ariel Ninas

Ariel Ninas

Comezou autodidacta e logo toma o estudo formal da música tradicional galega en aCentral Folque con Óscar Fernádez.
Hoxe toca en varios proxectos de música experimental e improvisación libre: OMEGA; Ulobit, na dupla A:A… Ten un CD en solitario, Habelas, banda sonora da peza de danza contemporánea da compañía Traspediante e ten levado a sua música a Irlanda, Francia, España e Brasil. A súa zanfona soa en discos de variadas bandas coma Inflatable Buddha, Xoán Curiel, Ultraqäns…